Tal e como establece o art. 9 do RD 1393/2007, de 29 de outubro, os ensinos de grado teñen como finalidade a obtención por parte do estudante dunha formación xeral, nunha ou varias disciplinas, orientada á preparación para o exercicio de actividades de carácter profesional?.

O título de Grado en Relacións Laborais e Recursos Humanos ten como obxectivo xeral proporcionar unha formación integral e multidisciplinar aos alumnos no ámbito socio-laboral. Concretamente, no ámbito das relacións laborais, os recursos humanos e o emprego e as políticas socio-laborais. Trátase dunhas materias tan fundamentais e vitais para o desenvolvemento da nosa sociedade que o seu estudo debe ser analizado desde diferentes perspectivas: a económica, a empresarial, a xurídica, a sociolóxica, a psicolóxica e tamén a política, de aí a perspectiva interdisciplinar da titulación. En fin, búscase comprender a realidade do emprego e do traballo, tanto dentro como fóra da empresa (sector público, sector non lucrativo, traballo autónomo). En concreto, para exercer de modo adecuado a profesión de graduado social, a de intervir no deseño e posta en prácticas da estratexia e políticas de recursos humanos nas organizacións e para xestionar, mediar e intervir no mercado de traballo

Seguindo o contido do Libro Branco do Título de Grado en Ciencias Laborais e Recursos Humanos, a consecución deste obxectivo xeral pasa por cumprir cunha serie de obxectivos específicos e que poden sintetizarse nos seguintes:

En primeiro lugar, adquirir os coñecementos necesarios para comprender a complexidade e o carácter dinámico e interrelacional do traballo, atendendo ás súas perspectivas xurídica, organizativa, psicolóxica, sociolóxica, histórica e económica.

Tamén capacitar na aplicación dos coñecementos teóricos e prácticos adquiridos e nos seus diversos ámbitos de actuación: asesoramento laboral, xestión e dirección de persoal, organización do traballo e xestión e intermediación no mercado de traballo, tanto no sector privado, como no sector público.

E para rematar, capacitar ao alumno na aplicación da comunicación nos seus diferentes ámbitos de actuación, na aprendizaxe autónoma de novos coñecementos e técnicas e, por suposto, no acceso a estudos posteriores especializados e de Posgrao.

Todos estes obxectivos da titulación enmárcanse dentro do respecto aos dereitos fundamentais de todas as persoas, con especial atención ao principio de igualdade e non discriminación entre mulleres e homes e o de igualdade de oportunidades e accesibilidade universal das persoas con discapacidade de acordo coa súa normativa de aplicación, principalmente, a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes (BOE do 23), así como a Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE do 3).

O Traballo Fin de Grado da Titulación constitúe o instrumento principal e necesario para evaluar a adquisición, polo alumno ou alumna, de todos os obxectivos antes referidos.