O dobre grao permite ao alumnado obter en cinco anos os títulos de graduado en ADE e graduado en Dereito, un perfil profesional moi demandado polo sector empresarial, o que o sitúa entre as ofertas máis atractivas das Universidades de España en canto á duración dos estudos. A titulación impártese nun grupo diferenciado cun horario e un calendario de exames propio.

Baixo a máxima do absoluto rigor académico, o dobre grao achega un elemento diferencial: a implicación do mundo empresarial na formación complementaria do alumnado a través da participación en conferencias e a oferta de prácticas nos últimos anos do dobre grao. Ademais, o dobre grao ofertará cursos extra-curriculares encamiñados á formación en idiomas e en habilidades e capacidades demandadas polas empresas.