A materia Prácticas Externas é unha materia curricular cuxo obxectivo fundamental é fomentar unha formación integral do estudante mediante a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos ao cursar o Grao, o que facilita un contacto directo coa actividade profesional e a oportunidade de incorporarse ao mundo profesional cun mínimo de experiencia. Todas as prácticas están deseñadas para que os estudantes que participan nelas adquiran unha experiencia profesional en situacións e condicións reais, aplicando os coñecementos, competencias e actitudes que se adquiren nos procesos de formación ao longo da titulación. As prácticas representan unha oportunidade decisiva para o desenvolvemento persoal e futuro profesional dos estudantes.
As prácticas son actividades que realiza o estudante en empresas, institucións e organizacións; isto é, en centros fóra das dependencias universitarias, que teñen como obxectivo enriquecer e complementar a súa formación universitaria, ao tempo que lle proporciona un coñecemento máis profundo acerca das competencias que necesitará unha vez se gradúe.
A materia Prácticas Externas constará de dúas fases.

Primeira. Realización do período de prácticas que ofreza unha experiencia profesional relacionada con algún dos perfís de egresado que se expresa na Memoria de Verificación do título.

Segunda. Elaboración da memoria.